Descubrín Grooveshark cando Spotify comezou a dar a lata con aquela historia de que me quedaban XX minutos de escoita de balde (a dicir verdade: non son tan melómano como para pagar unha conta). O cambio, sen ser traumático ;-), si custou un pouco… Nova interface, novo buscador… mais aos poucos funlle collendo o tento a este reprodutor en liña musical, ao tempo que perdín a pista sobre como evolucionou o Spotify.
Disto xa hai tempo, o suficiente como para ir rematando a tradución ao galego pois, as cousas como son, a posibilidade de localizalo foi un dos puntos que me gañou e compensou a febleza, a meu ver, do buscador interno de cancións e, posiblemente, un menor catálogo de grupos musicais e cancións. A día de hoxe a tradución ao galego anda polo 95% e son moi poucas (catro ou cinco) as linguas que superan o 90% de cadeas traducidas (máis información, aquí).
Polo demais, en Grooveshark un atopará música canta houber ordenada por grupos, álbums e xéneros musicais; terá a posibilidade de escoitar emisoras de música clasificadas por xénero, crear listas de reprodución, marcar favoritos; etc.
Ora ben, un dos aspectos que máis se tende a sinalar como positivo de Grooveshark é o feito de poder crear comunidade: convidar amizades, darlles a coñecer novas músicas, novos grupos… saber o que están a escoitar elas, compartir listas de reprodución, chiar no Twitter e publicar no Facebook o que a un lle anda nos oídos etc. Tal é así que mesmo un se pode converter en locutor/a, é dicir, crear unha transmisión pública a que se poderá engadir quen quixer, suxerir cancións, conversar e entre tod@s ir decidindo o que vai soando. Moi, moi interesante me parece esta opción!
E velaquí un pouco do moito que se podería dicir. Que tal se creas unha conta e experimentas por ti mesm@!! Por alí andaremos! Se xa tes conta, lembra que podes mudar o idioma da interface en Configuración –> Idioma.
Actualización: Grooveshark deixou de funcionar o 30 de abril de 2015. Velaquí a carta de despedida.